"Aves e mamíferos mariños no SW de Galiza, todo o ano. Unha experiencia didáctica e emocionante ao mellor prezo!"

sexta-feira, 30 de março de 2012

Saída do 24 de marzo. Aves e delfínidos


Arroaz boto ( Grampus griseus) Xosé Luis Fernández Carnero (c)
A saída peláxica partiu do porto do Grove ás 8:30 h oficial, con seis pasaxeiros e a tripulación. Aos poucos minutos de percorrido, localizamos un grupo de arroaces (estimados finalmente en 15-20 exemplares) que deseguida se achegaron ao barco, permitindo obter excelentes fotografías. Posteriormente, o "Chasula" seguiu rumbo ao W pasando preto de Rons, Porto Meloxo, A Mexilloeira e OCarreiro, con observacións de ata 65 corvos mariños cristados, ademais de gaivotón, corvo mariño grande e números moderados de gaivotas. Xa na bocana da ría, e xusto antes de superar a punta sur de Sálvora, contabilizamos un arao dos cons, un carolo, catro carráns cristados e 11 mascatos.

Tras superar Sálvora, avanzamos cara ao WSW ata as 9 millas náuticas ao W da illa de Onza, onde fixemos a primeira parada para lanzar o chum conxelado. No percorrido ata as 9 millas logramos ver dous araos atlánticos, dous araos, ata 19 carolos (moitas deles migrando ao N), 149 mascatos (case todos adultos, migrando ao N) e números sorprendentemente discretos de gaivotas. A destacar, avistouse o primeiro carrán común do ano, contabilizáronse sete peixes roda (dispersos), un corvo mariño cristado fixo acto de presenza a unhas 7 millas o W da illa de Ons(moi afastado da súa zona habitual) e, como un dos avistamentos máis destacados da xornada, dous arroaces botos (un deles un vello adulto, con aspecto abrancazado, densamente rabuñado) e catro (ou cinco) golfiños comúns permitiron gozar á pasaxe de breves pero intensas observacións a curta distancia destes cetáceos.

Ao primeiro chum tan só se achegaron unhas 40 gaivotas patiamarelas e unhas 30 sombrías, ademais dunha gaivota cabecinegra e tres mascatos. Só cando partimos deste punto rumbo á liña das 12 millas, unha palleira grande fixo acto de presenza, ademais de observarse un carolo en migración.

Ata as 12 millas o número de gaivotas aumentou e avistáronse exemplares illados de arao papagaio, arao, gaivota cabecinegra e peixe roda, ademais de cinco mascatos.

No segundo e definitivo chum, non lonxe de dous arrastreiros que faenaban a unhas 13 millas ao W da illa de Ons, destacaron catro palleiras grandes (tres delas preto do barco e outra algo afastada), dous peixes roda, unhas 170 gaivotas (unha delas con argola amarela, probablemente unha patiamarela do P. Nac. das Illas Atlánticas de Galicia) e oito mascatos que pescudaron uns segundos arredor do macizo conxelado.

Tras permanecer arredor do chum máis de media hora, e sen perspectivas de avistar máis especies, comezamos o regreso a porto, observando ata a illa de Sálvora tres novos araos (un deles moi tranquilo, pretiño do "Chasula"), dous araos, catro carolos, catro pentumeiros (femias), dous peixes roda e números discretos de mascatos e gaivotas.

"Dobrada" xa a punta sur de Sálvora, anotamos un novo arao e un págao grande e, xa na zona de bateas da ría (polígonos próximos á península do Grove) víronse algunhas especies "extra" como lavanco, gabita, bilurico das rochas, andoriña común e lavandeira branca, culminando a xornada cun novo avistamento de tres arroaces ao W de Virxe dás Mareas.

Co bo sabor de boca dos cetáceos observados, así como dos sete araos papagaios, doce peixes roda, oito palleiras grandes, araos, carolos e carráns, desembarcamos ás 16:00 h no porto do Grove, xa coa mente posta nas próximas expedicións de primavera de Seabirds Galicia.

O reconto de individuos por especie foi o seguinte:
   
Lavanco ( Anas platyrhynchos)    3     
Pentumeiro  ( Melanitta nigra)  4     
Corvo mariño grande ( Phalacrocorax carbo)  9     
Corvo mariño cristado ( Phalacrocorax aristotelis)   86     
Mascato ( Morus bassanus)    186     
Garzota ( Egretta garzetta)   2     
Gabita ( Haematopus ostralegus)   1     
Bilurico das rochas ( Actitis hypoleucos)    1     
Virapedras  ( Arenaria interpres)  8     
Palleira grande  ( Stercorarius skua)  8     
Gaivota cabecinegra ( Larus melanocephalus)  8     
Gaivota chorona ( Larus ridibundus)    10     
Gaivota patiamarela ( Larus michahellis)    200     
Gaivota escura ( Larus fuscus)  250     
Gaivotón ( Larus marinus)   2     
Carrán común ( Sterna hirundo)   1     
Carrán cristado ( Sterna sandvicensis)   4     
Carolo ( Alca torda)    25     
Arao común (dos cons) ( Uria aalge)  6     
Arao papagaio ( Fratercula arctica)   7     
Álcidos non identificados    5     
Andoriña  ( Hirundo rustica)  1     
Lavandeira branca  ( Motacilla alba)  1     
         
Arroaz común ( Tursiops truncatus)   18     
Golfiño común ( Delphinus delphis)   4     
Arroaz boto ( Grampus griseus)   2     
         
Peixe roda ( Mola mola)   12    


Macato( Morus bassanus) Xosé Luis Fernández Carnero (c)

Gaivotón e Corvos mariños cristados ( Larus marinus & Phalacrocorax aristotelis) Xosé Luis Fernández Carnero (c)

Gaivota patiamarela ( Larus michahellis) Xosé Luis Fernández Carnero (c)

Gaivotas escuras ( Larus fuscus) Cosme Damián Romay Cousido (c)

Palleira grande ( Stercrarius skua) Xosé Luis Fernández Carnero (c)


Araos dos cons ( Uria aalge) Xosé Luis Fernández Carnero (c)

Arao papagaio( Fratercula arctica) Xosé Luis Fernández Carnero (c)

Arroaz boto ( Grampus griseus) Alfonso Santamaría (c)

Arroaz ( Tursiops truncatus) Cosme Damián Romay Cousido (c)

Fotógrafos ( Antonio Santamaría, Stefán Áki Ragnarsson y Xoán Diéguez) Cosme Damián Romay Cousido (c)

terça-feira, 13 de março de 2012

Saída peláxica no mes de marzo

O próximo sábado, 24 de marzo Seabirds Galicia realizará a bordo do Chasula a segunda saída peláxica do ano.
A ruta que seguiremos será a mesma que en saídas anteriores. Zarparemos ás 8:15 do porto do Grove atravesando o polígono de bateas de Meloxo para por rumbo ó Canón de Arousa e alcanzando a máxima distancia de costa a 12 millas náuticas ó oeste de Sálvora.
Botaremos "chum" e aceite para atraer ás aves mariñas.
Agardamos poder disfrutar de avistamentos de álcidos similares ós da anterior saída. Ademais hai posibilidades de ver as primeiras Calonectris diomedea do ano, así como novas especies de págalo a parte do Stercorarius skua.
No caso de que haxa mal tempo, que impedise a realización da saída, avisariamos da súa cancelación con 48 horas de antelación.
Para apuntarse á saída ou para máis información podedes mandar un correo ó mail de contacto: seabirdsgalicia (arroba) gmail.com

sexta-feira, 9 de março de 2012

Primeria saída peláxica do ano e nova especie

Palleira grande ( Stercorarius skua) (c) Damián Romay
O pasado día 25 de febreiro realizamos a primeira saída peláxica do ano 2012.
O estado do mar, con mar de fondo considerable, provocou que, Isidro, o patrón decidise facer lixeiras modificacións na ruta programada. Ademais o día estaba bastante nublado, polo que, nun principio non parecía que ía ser un día demasiado bo para fotografiar aves.
Pero pronto nos esquecemos deste presentimento a pouco menos dunha milla do suroeste da Illa de Sálvora, onde apareceron os primeiros carolos e araos papagaios.
Os álcidos en xeral e os araos papagaios en particular foron os protagonistas da xornada polo gran número de avistamentos. Moitos deles xa presentaban a plumaxe nupcial, sinal de que en pouco tempo iniciarán a viaxe hacia as súas colonias de cría. Aínda que agardamos seguir disfrutano destas preciosas aves en vindeiras saídas polo menos, ata o mes de abril.
Este é o listado do número de observacións por especie:

Corvo mariño grande ( Phalacrocorax carbo) 19
Corvo mariño cristado ( Phalacrocorax aristotelis) 81
Mascato ( Morus bassanus) 284
Garza real (Ardea cinerea) 1
Garzota ( Egretta garzetta) 1
Gavita  ( Haematopus ostralegus) 100
Píldora cincenta ( Pluvialis squatarola) 10
Pilro común ( Calidris alpina) 20
Virapedras ( Arenaria interpres) 4
Palleira grande ( Stercorarius skua) 20
Gaivota cabecinegra ( Larus melanocephalus) 37
Gaivota chorona ( Larus ridibundus) 28
Gaivota cana ( Larus canus) 3
Gaivota patiamarela ( Larus michahellis) 512
Gaivota escura ( Larus fuscus) 33
Gaivotón ( Larus marinus) 2
Carrán cristado ( Sterna sandvicensis) 3
Carolo ( Alca torda) 68
Arao común (dos cons) ( Uria aalge) 5
Arao papagaio ( Fratercula arctica) 25

Álcidos no identificados10
Corvo pequeno ( Corvus corone) 2
Delfínido no identificado 1

Peixe roda ( Mola mola) 21



E de seguido algunhas das imaxes da xornada:

Arao papagaio ( Fratercula arctica) (c) Alfonso Santa María

Carolos ( Alca torda) (c) Xosé Luis Fernández Carnero

Arao dos cons ( Uria aalge) (c) Xosé Luis Fernádez Carnero

Corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo) (c)Xosé Luis Fernádez Carnero

Gaivotas patiamarelas e sombrías (c) (Larus michahellis & L. fuscus) Xosé Luis Fernández Carnero
Gaivota cana e patiamarela (c) (Larus canus & L. michahellis) Xosé Luis Fernández Carnero

Gaivotas choronas e cabecinegras (Larus ridibundus & Larus melanocephalus) (c) Xosé Luis Fernández Carnero

Mascato (Morus Bassanus) (c) Xosé Luis Fernández Carnero
Mascato (Morus Bassanus) (c) Corme Damián Romay
Palleira grande ( Stercorarius skua) (c) Xosé Luis Fernández Carnero

Peixe roda ( Mola mola) (c) Damián Romay



Observadores ( Xosé Luis Fernández & Ramón Andrés García & Alfonso Santa María) (c) Damián Romay